Un xograr de Palmeira

 

                       

 O trobador Pero Rodríguez de Palmeira, a quen sempre me imaxinaba camiñando polas rúas do Porto e o Eitón co seu laude ó lombo, ou embarcando nunha dorna cara o pazo dalgún nobre, onde o seu arte de cantautor fose apreciado, non pode considerarse oriundo deste vello porto arousán, porque desde Portugal aseguran que é deles, concretamente de Santa Eulalia de Palmeira, perto do río Ave.

Eu, mitólogo por natureza, sen negar as razóns expostas polos portugueses, manteño as miñas dúbidas, pois el foi poeta no pazo arcebispal de Compostela, cando Palmeira era posesión da Se e os seus moradores servos da mesma.            

Ademais, aqueles poetas tamén tiñan o seu público por afinidade cos oíntes, e ficaban onde máis aplauso recibían, cando non percorrían as terras levando a súa voz de castelo en castelo, unhas veces acompañando ós seus señores, para facerlle máis levadeira a viaxe, e outras por iniciativa propia. Chegaban a converterse en asiduos de determinados lugares, onde as súas composicións alcanzaban o status de verdadeiros "Grandes éxitos" do momento, xa fose porque o tema interpretado así o merecía ou, como pasa nestes tempos de hoxe en día, porque a atracción física do cantante entre as damas así llo permitía. E tal e como tamén pasa na actualidade, cando a popularidade dun músico é manifesta, os señores da política non dubidaban en telos próximos, en contar con eles para que lle axuden a convocar xente nos seus saraus.

E este Pero Rodríguez de Palmeira, se realmente era palmeirán da ría de Arousa, tíñao moi doado para estar, como estaba, no pazo do mesmísimo don Diego Xelmírez, ocupando o seu tempo libre en facerlle as beiras á filla dunha sobriña do señor arcebispo.

Don Diego, con tantas cousas do goberno metidas na cabeza, gustaría, como é de supoñer, de oír os acentos da súa ría de Arousa despois das arduas negociacións políticas que o posto demandaba. Escoitar nun intre de descanso os sons da súa infancia feitos rima tiñan que relaxalo, a el e á nova dama pacega, aínda que fosen cantados na variante do outro lado do mar, da banda de enfronte á da Catoira dos seus antepasados e onde por estes anos gobernaba o esposo da súa sobriña, Paio Curvo.

Lástima que nos cancioneiros medievais que chegaron ata nós non se encontre ningunha composición súa que nos poida dar as claves do seu verdadeiro lugar de orixe, e quizabes tamén do seu arroutado amor.

Todo o que sabemos deste poeta medieval son pequenas referencias aportadas polo historiador compostelán don Antonio López Ferreiro, investigados a partir dunha simple lembranza aparecida no nobiliario de don Pedro de Portugal. Por el sabemos que a paixón do poeta pola nobre moza levouno a unha morte desesperada, semellante nalgúns puntos á daquel outro poeta, un pouco posterior, Macías o namorado, que sufriu cadea e morreu atravesado por unha lanza; porque a pesar de que xa lle tiñan buscado marido á súa namorada, el seguía insistindo con romántico desespero.

Sexa ou non sexa palmeirán da ría de Arousa, Palmeira debe lembrar a este poeta que tamén contribuíu á fama da lírica galego-portuguesa do medievo.

Quizabes, o seu nome debería estar nunha rúa do porto, fronte a ese mar que inspirou a tantos xograres de todos os tempos e a el lle fixo cruzar a ría co seu laude ó lombo, para espallar a dozura do seu canto e encontrar as penas do amor que lle trouxo a morte.

Debería estar porque, ¿quen nos di a nós que el non foi o primeiro poeta e músico palmeirán? 

Sen embargo, eu teño, para min, que Palmeira deu a un grande músico, un cantautor, nese tempo no que a poesía era interpretada coa compañía do laude; trátase do xograr Pero Rodríguez da Palmeira, a quen os estudiosos portugueses consideran seu, ó amparo da outra Palmeira que hai nas terras próximas a Braga.

Posiblemente, este servidor estea errado, e o entusiasmo que espertou en min cando oín falar dun xograr con nome da nosa vila, mantívose a pesar de que os especialistas en poesía medieval me digan que posiblemente non fose daquí e os portugueses teñen razón.

Non vou ser eu quen lla quita, pero vexan vostedes en que se basea o meu argumento para consideralo desta banda da ría, e deste porto que, no tempo do Pero Rodríguez, era un dos máis importantes da ría.

Segundo o historiador, Ferreiro, este xograr cantou no pazo do arcebispo Xelmírez, natural como sabemos das terras de Catoira, nunha época na que a vida da ría era sobre todo, mariñeira, de intercambio entre os distintos portos de ambas as dúas bandas facendo unha grande mestura de homes e cousas.

Palmeira era terra arcebispal e os arcebispos, como calquera nobre que se precie, tiñan no seu pazo ós propios cantores, xente coñecida e de confianza.

Certo que naquel entón, os músicos e poetas ían de vila en vila, e de pazo en pazo, pero é tan estraño que viñesen de tan lonxe a instalarse en Compostela, habendo aquí poetas e cantores de bo facer...

Por estas cousas que a vida ten desde moito antes de que os decimonónicos inventaran o romanticismo, o noso xograr foise namorar de mesmísima sobriña do señor Arcebispo, a filla de súa irmá e do seu cuñado Paio Curvo.

E debía ser correspondido pola fermosa dama, namorada, como é de supoñer, das doces e melosas melodías que o repoludo cantante lle soltaba con pícaras miradas.

Amores imposibles que ben darían para unha traxedia sheskesperiana, pois, don Diego Xelmírez tiña outras miras para casar á sobriña, e o pobre do cantante foi expulsado do pazo.

Amor imposible e desesperado o que levou ó bo de Pero a ensumirse na máis negra desesperación ata que acabou, como o historiador Ferreiro nos di, morrendo de amor.

 

 

Francisco Ant. Vidal