Un Cruceiro do Loreto

 

 

Conta unha lenda italiana que un día, da noite para a mañá, exactamente a do nove ó dez de maio de 1291, apareceu no lugar de Raunitza cerca da antiga cidade de Fiume, na costa do Adriático, unha casiña da que ninguén sabía dicir de quen era; e como todas as cousas envoltas en misterio, tampouco ninguén ousaba entrar nela nin chamar á súa porta.

Foi, o párroco dunha igrexa próxima, que por aquel entón adoecía no leito dalgún mal que o mantiña en estado de somnolencia, quen, ó espertar supetamente curado, sen que obrase no seu favor ningunha menciña que se saiba, dixo e asegurou que aquela era a casa na que vivira a Virxe María en Nazaret, a mesma na que se obrara o misterio da Encarnación, e que uns anxos, durante a noite, levantaran para sacala de terra de infieis e traela para o centro da cristiandade, segundo a el lle revelaron durante aquel prolongado soño que acababa de ter.

Cando a historia chegou a Roma, o Papa mandou a Nazaret unha comisión investigadora que, efectivamente, encontrou os cimentos dunha casa de idénticas dimensións, pero non podía asegurar que fosen da mesma.

Ó cabo de tres anos, como a xente dos arredores non lle daba a aquela casiña todo o aprecio que era de agardar, durante a noite do dez de decembro, outra vez, os anxiños, seguramente con moi boas intencións, cruzaron o Adriático e situárona nun bosque de loureiros en Recanati, xa nas terras de Ancona.

Pero aínda non debía ser este o lugar que a divindade escollera para aquela Santa e peregrina casa que, oito meses máis tarde, os divinos transportistas de sempre, sacárona de onde estaba e puxérona un pouquiño máis cerca do mar, onde aínda permanece, no lugar de Loreto.

No seu novo asentamento, a Santa Casa, axiña se converteu en lugar de peregrinación e, como todos os lugares que atraen xentes devotas, a Casa da Virxe de Loreto creceu en honras e riquezas doadas polos crentes.

Tal foi entón a sona do santuario que, ademais de piadosos fieis atrouxo a cobiza dos ladróns, pillos e estafadores de romaría, así como a bo número de piratas que, atraídos pola fama do lugar, asolaban aquelas terras na procura de tesouros doados de encontrar; ata que o Papa Sixto V, a finais do século XVI fundou a Orde de Nosa Señora de Loreto para combater ós malfeitores que impedían que as devotas dádivas honrasen aquela que outrora fora humilde casa.

 O resultado debeu ser eficaz, e como os camiños do mar todo o comunican, a noticia chegou ás nosas mariñeiras terras da Barbanza, que naquel entón tamén sufrían a bandidadaxe de corsarios e malfeitores que buscaban, ría a dentro, riquezas e tesouros. Non tardaron os barbanzóns en encomendarse a esta protectora que tan bo resultado dera no Adriático. Pero como non podían traer para aquí a Santa Casa de Nosa Señora, nin ós anxos se lles ocorreu volver a andar con ela dun sitio para outro, ós nosos paisanos deulles por emular aquel Santo Fogar poñéndolle ós cruceiros un arremedo de casiña da Virxe, na que, unhas veces ela soa, como oíndo a nova da Anunciación, e outras co neniño no colo, os cruceiros da Virxe de Loreto, coa súa capeliña, fóronse estendendo pola bisbarra como avogosos contra piratas e bandidos do mar.

Así é este, que en 1646, mandou facer en Deán Pequeno, no concello de Ribeira un tal Andres Gomes, tal e como reza no lateral da capeliña.

Este vello cruceiro, que xa dobra o lombo como un ancián que ten moita vida que contar, é mimado e coidado polos donos da casa que se ergue á súa espalda; eles píntano e límpano como se coidasen a un avó da familia. Quen sabe se, aínda que non escrito, o devoto Andres Gomes non deixaría, para que de xeración en xeración se transmitise o seu desexo de coidar e manter en bo estado este monumento, que seguramente el ergueu para agradecer algunha victoria contra os bandidos no medio do mar. 

 

 

Francisco Ant. Vidal