O mítico Bradomín

 

                  

O fecundo mar da Arousa non só rega as terras nas que naceron moitos dos máis grandes homes de Galicia; nel mesmo, a bordo dun barco que cruzaba entre a Pobra do Caramiñal e Vilanova da Arousa, di a xente que naceu o grande Valle-Inclán.

Os libros, que sempre contan a historia segundo a acta de bautismo ou os documentos do rexistro civil, falan doutro xeito, pero o pobo, coa razón do corazón, é quen pon cada cousa no seu sitio; e a don Ramón, como a un deus da sabedoría e da fantasía, fixérono saír dos salseiros deste fructífero Mediterráneo galego.

Non podía ser menos nun ser coma el, en quen as paixóns e a xenialidade, a sorna e a palabra franca, directa e acertada se unen para botarlle en cara á sociedade, sen distincións de clase nin caste, os pecados e maldades da súa conducta. O seu esperpento caricaturiza con precisos trazos os defectos que aínda hoxe en día seguen tan vixentes coma cando el os describiu.

Por boca de avós e veciños sabía que don Ramón nacera no Caramiñal; pero os libros do bacharelato sementaron a discrepancia contra a voz dos paisanos, facéndome dubidar dunha e doutra verdade, e por aquilo de facer a paz cuns e outros, acollíame a Vilanova para os exames e á Pobra para crer.

Foi un vello quen nos aclarou, a un grupo de rapazotes, a verdadeira razón daquela discrepancia, cando a torre de Bermúdez aínda era, tal e como se ve na foto, un montón de ruínas.

O home acercóusenos e preguntounos se sabiamos onde nacera Valle-Inclán.

-Aquí na Pobra, ¿onde se non?. -Aseguramos resoltos, e aclarámoslle. -Aínda que os libros digan que en Vilanova.

-Pois non. Nin nun sitio nin noutro. -Sorría satisfeito da súa sapiencia o paisano. -Valle-Inclán naceu no medio da ría.

Diante da nosa estrañeza, sacándolle fantasía á historia, aclarou que cando a nai estaba a punto de dar a luz, deixou a casa de Bermúdez do Caramiñal e embarcouse rumbo á do Cuadrante de Vilanova, e cando ían polo medio da ría, os vaivéns do barco ou os salseiros da Arousa, fixérona parir para que nacese como un novo xenio da beleza e a sabedoría.

A Don Ramón tamén lle gustaban moito estas lendas, tan acertadas que nin el mesmo as desmentía; deixándonos coa dúbida de se non sería realmente así.

Porque Valle-Inclán, foi un deses seres que naceron para ser mito, deuses con altar e santuario, que convocan a peregrinos ansiosos de encontarse coa pureza da súa mensaxe nos teatros de calquera parte do mundo, suxeitos nos que a súa vida real e a dos personaxes das súas obras se mesturan ata o extremo de facerse indisolubles, no que nos chega a confundir ata non saber se as súas historias son vivencias propias ou producto da súa imaxinación, se os protagonistas das súas novelas son homónimos ou pura fantasía. ¿Quen ousa dicir que o marqués de Bradomín non é nin máis nin menos que don Ramón María del Valle-Inclán?.

El foi un xenio que se alimentou da vida, como lle dixo a un entrevistador que lle preguntaba se en México tamén se dedicara a escribir:

-Non señor, eu en México vivía.

E seguía logo fantasiando sobre a súa estadía no país americano, dando datos e sinais de como acosado en plena selva mexicana por feras famentas, el mesmo se cortou o brazo esquerdo e arroxoullo para poder fuxir mentres llo comían.

El, verdadeiro deus mitolóxico en aparencia e xeitos, a quen un prosaico xeneral de dubidable conducta lle chamou eximio escritor e extravagante cidadán, escribiu nalgunha das súas historias que o mellor da santidade son as tentacións. E el tivo unha e cometeu un único pecado, o de non escribir en galego máis que uns poucos versos; porque polo demais,incluído o seseo da súa fala, propio das Rías Baixas, a súa obra (as comedias Bárbaras, por exemplo) é plenamente galega, tan doada de traducir ó noso idioma como se a un manchego lle dese por poñer en castelán a versión chinesa do Quixote.

 

 

Francisco Ant. Vidal