O Santísimo de Palmeira
O
Corpus, a grande festa do catolicismo, caracterizada pola grandiosidade civil e
relixiosa, celébrase en Palmeira (Ribeira), o primeiro domingo de xullo,
"despois de que San Xoán bendice as augas", complementando con el os
festexos do solsticio de verán.
As
primeiras celebracións do Santísimo documentadas nesta parroquia son do
primeiro tercio do século XVIII, cando un canónico de Santiago manda que se
forme unha confraría con veciños "acomodados". Na actualidade, e xa
desde mediados do século pasado, os confrades palmeiráns son os matrimonios que
cumpriron os vintecinco anos de casados, sen outra razón nin motivo
diferenciador. 
A invitación para ser confrade faina dun ano para outro o párroco, de acordo co libro de matrimonios e, segundo reza a tradición, non é de bo agoiro negarse a tomar parte nesta confraría. Sexa por isto, pola pompa de que non está exenta a celebración ou porque é unha ocasión para celebrar as "Vodas de Prata", son moi raros os casos nos que alguén renunciou a ser confrade.
Os
elementos que lle dan maior vistosidade á procesión e polo que se diferencia
das do resto do ano son, a propia Custodia ou Viril, as alfombras e o arco
floral. Este último é o elemento decorativo máis primitivo, o que desde sempre
se fixo dando paso á entrada do adro. Trátase dun maxestuoso arco elaborado con
flores, maioritariamente hortensias, entrelazadas sobre unhas columnas e trabes
de madeira, con múltiples arquiños superpostos nos laterais, entre os que se
deseñan símbolos relacionados coa propia celebración e coa historia local,
deixando libre só o grande arco central, por debaixo do que pasará a procesión.
As
alfombras, que nesta parroquia remontan a súa tradición a mediados da década
dos cincuenta, fanse con sal e area tinxida, ademais de pétalos de flores, con
que se reenchen uns debuxos marcados sobre o chan da rúa; e nelas, coma no
arco, os deseños varíanse cada ano, o que as enriquece como elementos que son
de arte efémera. E se é un espectáculo contemplar a obra rematada, non o é
menos ver á mocidade palmeirá afanada, o día enteiro, nun labor de colaboración
plena. E ó final, antes da saída da procesión, todos admiran esas obras que só
poderán ser pisadas polos confrades que levan o Palio, baixo o que o párroco
porta a Santa Custodia.
Pero
neste día, a anécdota máis repetida encol da festa palmeirá é a que nos conta
como foi que antes da guerra, cando se necesitaba reafirmar o catolicismo de
cada lugar, aquí, o párroco pediu a colaboración da veciñanza para facer unha
Santa Custodia que honrase ó pobo, e para iso solicitou xoias que logo se
fundirían e transformarían, "convertendo eses obxectos da vaidade en
roupaxes de loubanza a Deus". Así, cada quen dou o que puido para tan
solemne fin, pero aquelas alfaias, doadas pola devoción popular, antes de ser
entregadas ó xoieiro, foron roubadas da mesma casa parroquial. Daquela houbera
sospeitosos, pero non se encontrou ó culpable e déronse por perdidas. Houbo
entón que acudir de novo á caridade dos devotos fregueses; e co segundo
donativo, desta vez mellor gardado, elaborouse unha Santa Custodia "tan
fermosa e digna, que aquí si se podía dicir que resplandecía máis que o mesmo
sol". 
O
párroco tiña o privilexio de sacala da Igrexa e de metela o día da precesión,
pero durante o traxecto había que remudalo, de tan pesada que era, tal, que
quen a levaba tiña que amarrala ó corpo cunhas correas que a aguantasen, para
que os brazos non desfalecesen.
Pero
un ano, durante a procesión, as miradas converxeron no crego e no Viril. Aquela
Santa Custodia non parecía a de sempre, o párroco, ese ano, fixo o traxecto sen
necesidade de remuda nin correas que lla aguantasen.
Non,
non era un milagre, era unha copia. O malo é que ninguén sabe onde está a
orixinal.
Francisco Ant. Vidal