A pedra das cabras
No
cume da Barbanza, entre misterioso, descrido e envexoso, un pastor, sen deixar
de vixiar unhas cabuxas que petiscaban a carón dalgunha das mámoas que lle dan
fama ó prehistórico camposanto do Iroite, asegurounos que un veciño seu, indo,
coma el coas cabuxas para o pasto, oíu como unha delas, ó pasar a carón dunha
mámoa, petou co pezuño no chan e fixo resoar as entrañas da terra con forte
estrondo, tal unha badalada que anunciase o fin do mundo, como se petase na
tapa dun pozo sen fondo. Atraído por aquel son, o aldeán acercouse a ver
aquilo, e encontrouse cunha ola de barro chea de alfaias e moedas de ouro que
trocaron o seu sino.
Seguía
contando este pastor, con claras mostras de envexa, que aquel paisano seu
colleu o tesouro e simulou que se ía á emigración, para aparecer, ó cabo de
catro anos, instalado no porto de Vigo ó fronte dun hotel de primeira.
-E
ninguén gaña tanto en tan pouco tempo.
E
é que isto das cabuxas capaces de dar unha nova vida, tamén pasaba na Grecia
antiga, e se non lembrádevos daquela Amaltea que dera de mamar ó mesmísimo
Zeus.
Pero
as cabuxas de Galicia, ademais de facer certo iso de que o seu leite saca do
cativeiro a calquera neno, tamén axudan a encontrar algo moito máis humano,
como son os tesouros que os antigos soterraron a carón das mámoas e nas abas
das montañas.
Así, aínda que o pareza,
as figuras destes petroglifos deixaron de representar a uns cervos, para
converterse en cabras, tal e como lle chaman os labregos e como nos contan as
lendas que sobre elas chegaron ata nós, referindo, por exemplo, como unha
cabuxa, brincando preto desta laxe de Figueirido, cada sete xeracións acércase
a unha casa da aldea onde vai nacer un neno, para anunciar que será
comerciante, e aínda na peor das crises a súa tenda non deixará de vender.
Os
entendidos aseguran que son as marcas dunha especie de coto de caza e, como
están camiñando cara ó ocaso, teñen que ver co culto ó sol e á morte, como o
final dunha etapa que lle dá paso a outra, tal o caso daquel pastor do Iroite.
Tamén
teñen razón os que porfían dicindo que estes gravados, de hai arredor de tres
mil anos, eran de cervos que cazaban, e decorábanos con cores orlando toda a
laxe, sobre a que queimaban a primeira peza que mataban na temporada, para
ofrecerlla ás divindades, co fin de que lles axudasen a coller outras coas que
darlle de comer á comunidade; e os todopoderosos deuses, permitían que seguisen
comendo carne para ter quen os glorificase. E as cabras non se cazan que se
crían.
Tamén
pode ser que, cando comezaron a escasear os cervos, os devotos para non deixar
de adorar ós seus intercesores, sacrificábanlle unha cabuxa, e daí o nome de
"Pedra das Cabras".
E
quen sabe se ó final, cando o primitivo mundo da supervivencia lle foi dando
paso a estoutro moito máis mercantil, aqueles omnipotentes señors non
argallaron o dos tesouros para que a piadosa comunidade non se esquecesen de
mandar, de vez en cando, á falta de cervos, o fume dunha cabuxiña para o ceo.
Aínda
sen nome propio, estes lexendarios animais fixeron moito polos nosos antergos.
E algunhas aínda están por facelo, como esa da que se agarda que apareza pola
Frouseira, na Mariña luguesa, onde a tradición sitúa un tesouro que, se alguén
o descobre, este deixarase ver (e moitos din que o viron e é fabuloso), pero
antes de que ninguén lle bote a man, fuxirá como se tivese pés agachándose
noutro sitio, ata que (como manda a tradición) unha cabuxa cos seus pezuños o
saque do fondo da terra.
Como o pastor do Iroite que segue vixiando ás súas cabuxas, na Frouseira tamén hai moita xente á espectativa. Non vaia ser...
Francisco Ant. Vidal