A fiestra de San Alberte

 

 

 

A pesar de ser cega, esta fiestra tamén ve. Ela ve o futuro, augura o porvir e dá esperanzas.

Aló enriba da Conlleira

hai unha pequena ermida

desde a que se ve o ceo,

a boca e o fondo da ría.

Este lugar máxico e privilexiado ven sendo no concello de Ribeira, nun cume desde o que se domina o mar de dentro e o de fóra, o da ría e o océano. Un cume no que, antes da capela, parece ser que había un asentamento desde o que se vían entrar os mercadores que xa na prehistoria comerciaban coas xentes da ría.

Logo, foron cambiando os modos e, coa chegada do cristianismo, o castro, templo ou ara que alí había, reconverteuse nunha capeliña que seguiu congregando paisanos, polo  menos unha vez ó ano.

San Albertiño é o santo

que da Pascua en oito días,

se celebra naquel alto

con festeira romaría.

E o luns seguinte ó de Resurrección, cando a primavera reluce con todo o seu esplendor, nesta ermida de formas románicas, amparada por unha enorme pedra que a supera en altura e a protexe dos vendavais; bendícense sacas de terra que logo será ciscada polos campos, e ramos de herbas do monte que se colgarán nas cortes para espantar meigallos. Pero, sobre todo:

Hai unha ventá pechada

de pedra ladrillo e cemento,

onde botan telliñas planas

para o amor coñecer ó momento.

¿E quen non desexou, aínda que só fose unha vez na vida, saber que lle deparaba o futuro?.

Tamén Hermes, aquel deus dos camiños, dos mensaxeiros e dos encontros afortunados, ó que lle dedicaban falos de pedra chantados nos camiños, un día, sendo neno, cambioulle a Apolo a lira que acababa de facer cunha cuncha de tartaruga polo secreto das artes divinatorias. E o bo deus que desde entón se fixo amo e señor da música, recomendouno ás Trías, que foran as súas amas de cría, para que lle ensinaran a ver o porvir botando ó ar unhas pedriñas que gardaban nunha ola de barro.

Este rito de esperanza e fecundidade, de tirar a tella ou pedra para adiviñar o porvir, non é único; con pedras tiradas ó cume da laxe dos namorados de Arcos, adivíñase tamén se se vai coller noivo, e tirándoas ó lintel da porta da Coutada, en Celanova, as mulleres saben se casarán ou non.

Hoxe, cando os horóscopos son as columnas máis lidas dos periódicos, cando os programas de radio e televisión con videntes son os de maior audiencia, cando as consultas de botadores de cartas e adiviñadores están a rebordar, non ten por que estrañarnos que estes ritos se manteñan desde os tempos nos que a euforia amorosa se refreaba por temor a que non acabase todo como eses foguetes que, de ser un pao seco pasan a acenderse, subir ó máis alto do ceo, explotar en mil cores, e caer como globo desinflado e esquecido de todos.

-Quizabes sexa que os noivos daquela tiñan moito máis aguante.

Non, non era iso. O matrimonio aportaba un home ó fogar e un amparo á casa e á muller que o levaba. Unha filla casada era unha "casa chea".

Esta maneira de adiviñar tirando pedriñas ó ar, xa a utilizaban os gregos, de maneira practicamente igual a como aínda hoxe o fan algunhas adiviñadoras; pero o que non deixa de ser curioso é que, na nosa tradición, este rito, estea tan unido a cuestións casamenteiras.      Por iso non é de estrañar que, desde cando a carreira da muller era casar e a do home levar moza formal, mentres el demoraba o paso polo altar, ela buscaba augurios que lle indicasen cando remataría a súa espera, cando encontraría un homiño, "aínda que fose tan grande como un gran de millo"; acercándose a esta fiestra, pechada, pero fiestra ó fin e ó cabo, ollo polo que entraban as luces do día; e con elementos que xa os gregos tiñan por eternos. Para eles as pedras simbolizaban a eternidade, representaban a dureza, a serenidade e a permanencia inalterable fronte á inestabilidade do home. E así, con estas pedriñas lanzadas ó lintel dunha fiestra cega, renóvase a ilusión no porvir.

 

 

Francisco Ant. Vidal