A beleza da Pedra da Ra
A
carón desta rocha zoomorfa cóntase que, hai moitos anos, produciuse un
marabilloso suceso no que, eclipsando incluso ó máis grande tesouro imaxinable,
impúxose a beleza.
Trátase
dunha lenda que se repite en moitos lugares de Galicia, e en cada un cobra
pequenos matices que a enriquecen.
Fálase
aquí dunha fabulosa tenda que apareceu diante dunha muller que, sorprendida,
entrou nela como se fose nun "hiper" daquel tempo, para remexer, ver,
probar e tocar todo canto alí se expoñía; e ó facelo, imaxinábase cantos
problemas solucionaría se fose a dona dun calquera dos obxectos alí expostos,
peites, navallas, culleres, garfos, colares... todo, totalmente de ouro macizo.
A
señora non sabía dicir cal era o trebello máis precioso; cada un deles brillaba
coa incipiente luz do amencer como se un sol de mediodía lle dese de cheo, e
mentres se ilusionaba remexendo entre tanta marabilla cavilaba para si que, se
aquilo fose seu, podería recuperar o que se perde cos anos e conquistar todo o
que nunca puidera soñar. Pero, para a súa desgracia, cando foi interrogada pola
fermosa tendeira que a observaba detrás do mostrador: "¿Que lle gusta máis
desta tendiña?", a paisana non soubo apreciar o verdadeiro tesouro que alí
se gardaba, e diante da inesperada pregunta, abraiada, sentiu a urxencia de
facerse dona dunha participación daquela lotería en rebaixas:
-Esas tesoiriñas.
Nese
intre, a tendeira virou de cara e onde antes só había beleza amosábase agora a
furia e a carraxe.
-Cobizosa,
con elas arrincareiche os ollos e dareillos de comer ós porcos.
A
beleza sentiuse ofendida porque fora desprezada e o encanto perdeuse.
Pasado
un tempo, volveu aparecer a mesma tenda, no mesmo lugar e coa mesma tendeira ó
fronte do mostrador. Pero desta vez, quen cadrou a pasar por alí foi un mozo
garrido e ben plantado, que cando foi preguntado polo que máis lle gustaba, el,
que sabía que a fermosura é a dona de todos os tesouros, non dubidou en
responder: "A tendeira". E daquela o enfeitizo desfíxose, pero desta
vez para convertelo a el no dono daquela fortuna.
Tal
e como a contempla a nosa literatura oral, a beleza case sempre está por enriba
das riquezas, porque é a única forza capaz de abranguelas, e aínda que, coma
elas, ela tamén é efémera, mentres dura, disfrútanse as súas xoias e
multiplícanse os seus réditos.
Pero
esa Ra pétrea da foto, situada no lugar de Mourelos, parroquia de Palmeira e
concello de Ribeira, que ampara a lenda citada, co seu fociño redondeado
mirando ó solpor, erguido a ulir o ar, que posúe unhas marcas petroglíficas á
altura do que podía ser a orella, axudando a embelecela, evoca outra idea de
beleza, aquela que non está nas formas ou nas faccións do corpo; é a
fidelidade, que nos trae á memoria o conto aquel do sapo que tiña por amante unha
ra coa que, despois de vivir croando de felicidade un verán enteiro, cando lles
chegou o outono e se refuxiaron nunha furna, el, mirando á súa compañeira, cada
día máis enrugada, pensou: "Que ben me conservo eu e moito afeou ela,
déixame ir dar unha volta que non me faltará quen me queira.
O
sapo, fachendoso, recorreu os lameiros buscando ras novas, pero estas, cando o
vían, fuxían del e chamábanlle vello potrudo, ou tirábanlle trastos e
espetábanlle paos.
Cando
se cansou de deambular sen encontrar amiga, desconsolado, arrimou a unha aba do
camiño e ficou triste e angustiado.
Foi
entón que a súa compañeira, notando que xa lle tardaba moito, saíu a buscalo, e
el, véndoa de lonxe, para que non vise a súa desgracia, trataba de escorrentala
berrándolle, "vaite de aí muller vella que eu estouche na primavera".
E
a fiel amante, comprensiva, respondeulle:
-Meu
velliño presumido, ¿quen che vai quecer do frío?.
Francisco Ant. Vidal