O MAR DE PALMEIRA

 

 

         Na súa primeira visita á nosa parroquia como arcebispo de Santiago, e co motivo da celebración da festa do Santísimo,  Julián Barrio lembrou a privilexiada situación da igrexa,  encravada nun balcón natural o suficientemente alto e achegado ó mar para ofrecer unha fermosa vista da ría.  Todos coñecemos o que se ve,  e de que maneira,  dende o Adro,  e sabemos que iguais panorámicas poden ser contempladas dende outros moitos lugares da nosa xeografía.

 

         Palmeira naceu e desenvolveuse tendo o mar como referencia,  coma sinal de identidade e razón de ser.  Mar que todos levamos dentro e que en todo deixa a súa pegada.  Mesmo na Palmeira do interior – Figueirido,  A Carballa,  Rosende,  Ventín -, a onde chega ás leiras unha marea de argazos e cunchas en forma de abono.  Palmeira viveu e vive do mar.  Se noutros tempos trouxo peixes,  agora tamén trae turistas e irmáns emigrados que volven presumindo de pobo.  Todos necesitamos o mar,  queremos estar preto del.  Coma carabeiros e llapas,  facemos as nosas vivendas o máis achegados á beira, querendo ser lambidos polas ondas de cando en vez. Sen embargo,  un mal deseño urbanístico pode acabar con este dereito de todos,  e eliminar os balcóns naturais dos que falaba Monseñor Barrio.

 

         O mar non só determina a economía das poboacións costeiras,  senón tamén o modo de vida das súas xentes.  Os Palmeiráns paseamos,  tomamos o vermú e celebramos as festas no porto,  no Eitón,  no Recheo...,  espacios novos, vellos ou reformados ós que inevitablemente recurrimos. A diario os  mayores alá van cos seus pensamentos,  e os novos cos seus balóns e bicicletas.  Nos veráns da infancia,  o peor castigo era quedarse sen praia.  Durante o inverno,  gusta ver como as ondas rachan contra o Castelo ou a Cova de Xoán Rei;  unha visión,  sen embargo,  que nos lembra que ó mar hai que respetalo, que ademáis de ser fonte de vida é ataude de mortos. Esta dobre vertente é a que celebramos na Procesión mariñeira da Virxe do Carmo. Unha festa por unha banda, e pola outra, unha ofrenda de loureiro a todo-los que faleceron nas augas.  Ofrenda que tamén é rogo:  Pregamos para que non volva a acontecer.

 

 

 

 

 

 

 

         O día do Carmo, que este ano celebramos o 30 de Agosto,  é a maior das nosas festas porque todos somos mariñeiros.  Todos temos salitre nos pulmóns e mar correndo polas veas.   ¿Ou non recordas cando de pequeño escorregaches naquela pedra e se che abríu unha ferida no pe?  Por ahí entróuche a ría,  compañeiro.

 

         Compañeiros,  vecinos e visitantes:  Disfrutemos do mar e das festas.

 

 

A.X.R.